Características Cómo adquirir esta obra
Plan Xeral da Obra
Ficha Técnica
Consellos Históricos e Actuais
Plan Xeral da Obra

 
  Actividades culturais
A GEG recolle tódalas diversas manifestacións da cultura en Galicia, así como as persoas, asociacións e institucións directamente vinculadas a esta en calquera dos seus aspectos. As entradas dedicadas ó estudio das entidades culturais de carácter colectivo, dende a súa fundación ata o momento actual ou a súa desaparición, compleméntanse coas biografías dos protagonistas directos do feito cultural, tanto creadores coma científicos, estudiosos e eruditos.

Administracións públicas
A GEG dedícalle especial atención ó aparato administrativo –estatal, autonómico e local- que rexe actualmente en Galicia. Trátanse, así mesmo, as modificacións legais e organizativas que o desenvolvemento da Constitución española e o Estatuto de autonomía produciu nas institucións da Xustiza, a Sanidade, a Educación, as Forzas Armadas, etc.

Agricultura
Os temas relacionados coa agricultura ocupan un lugar relevante no conxunto da obra. Non podería ser doutro xeito, tendo en conta o peso que o sector agrario ten en Galicia e a súa importancia no desenvolvemento económico e social do país. Voces referidas ós productos agrícolas, faenas do campo, técnicas do cultivo, economía agraria, etc. inclúense ó longo de toda a obra e explícanse a partir das súas características e manifestacións máis importantes.

Antropoloxía
As formas de convivencia, os traballos, os costumes, as pautas de comportamento en xeral do home galego, todo aquelo que constitúe e determina a súa simbiose co medio (aldea, parroquia, concello, etc.) e as respostas que orixina son estudiadas e contextualizadas dentro dos seus límites antropolóxicos por especialistas na materia.

Arqueoloxía
Con especial atención abórdanse as entradas que recollen conceptos arqueolóxicos. Os diversos organismos e especialistas galegos que traballan nese eido saben ben cáles son as dificultades que encerra un eficaz e metódico labor arqueolóxico ó longo e ancho de todo o país. Na GEG aparecen numerosas entradas referidas a castros, dolmens, mámoas, xacementos e outros vestixios arqueolóxicos, así como diferentes planos e deseños explicativos sobre achados e escavacións.

Arquitectura
A obra que se presenta inclúe gran cantidade de voces pertencentes a ese campo, tanto dos máis remotos tempos coma da actualidade. Biografías dos grandes arquitectos, logros, avances e transformacións arquitectónicas, manifestacións populares da arquitectura en Galicia, influencias e inspiracións figuran no seu lugar correspondente; dende a entrada xeral que trata amplamente a materia (estilos, tendencias ou movementos) á que se refire a esta de xeito particular (edificios, monumentos ou restos).

Arte
A arte galega ten a debida representación nas numerosas voces que recollen monumentos, obras, museos, coleccións, artistas, movementos, etc. Son abundantes as entradas que tratan temas monográficos ampla e documentadamente, como son a escultura, a pintura, a música e tantos outros, nos que se lles ofrece ó lector e á lectora unha detallada e suxestiva visión global da arte galega de tódolos tempos.

Artesanía
A artesanía, os artesáns e as manifestacións artesanais teñen ampla cabida e extenso tratamento nesta obra. Tódolos oficios artesanais (acibecheiros, ceramistas, tecedores, etc.), tanto os xa desaparecidos coma os que permaneceron a través dos tempos e aqueloutros que foron recuperados (oleiros, palilleiras, zoqueiros, canteiros etc.), son obxecto de estudio por destacados especialistas que logran transforma-la obra nunha excelente guía coa que poder coñecer e valora-las diferentes mostras de creacións e actividades populares.

Biografías
Aspecto esencial desta obra son as descricións biográficas de personaxes galegos, moitas delas ampliadas sobre a edición histórica da GEG e outras incorporadas agora por primeira vez. Inclúense tamén, nesta alínea, as biografías de personaxes que, non sendo galegos por nacemento, traballaron en Galicia ou son autores dalgunha contribución –científica, cultural, social- de interese para esta.

Cartografía
Ademais de reproduccións de cartografía histórica, inclúense mapas actualizados de tódolos concellos de Galicia, cos seus topónimos oficiais e normativizados. Complétase a achega cartográfica con planos urbanos e numerosos gráficos referidos a aspectos orográficos, hidrográficos, xeolóxicos, etc. da comunidade autónoma. A novidade administrativa da comarcalización ten tamén reflexo nesta alínea.

Cinematografía
Nos últimos anos, a cinematografía galega adquiriu un auxe extraordinario. A GEG recolle numerosas voces relacionadas con esa actividade, tanto referidas ós seus aspectos meramente artísticos (actores, directores, guionistas, dobradores, figurantes, etc.) coma á súa vertente industrial (productores, exhibidores, distribuidores, etc.). Concédeselles tamén especial atención ás produccións foráneas de temática galega ou rodadas en Galicia, así como ós profesionais galegos que desempeñan o seu traballo fóra da comunidade autónoma.

Comercio e industria
Diversas voces ocúpanse de analiza-lo papel do comercio e da industria no ámbito galego e a súa relación co resto de España e co estranxeiro. A estructura do aparato comercial galego, as ramas da actividade comercial e industrial, o mundo empresarial, as perspectivas de desenvolvemento… son obxecto de análise rigorosa. Igualmente, co fin de proporcionar unha visión do sector o máis precisa posible, recóllense en entradas independentes as máis importantes entidades comerciais, empresariais e industriais do país, tanto do pasado coma do presente.

Deporte
Resulta evidente a extraordinaria importancia que acadou o deporte no último século, así como a súa universalización. De acordo con ámbolos dous principios, nesta nova edición da GEG amplíanse notablemente as entradas relacionadas con ese campo, ás que se suman outras novas relacionadas con especialidades, disciplinas e modalidades recentemente incorporadas á práctica deportiva, tanto individual coma colectiva. Recóllense tamén as biografías dos máis destacados deportistas e a historia dos máis relevantes clubs e sociedades deportivas galegas.

Dereito
Estúdianse e analízanse as peculiaridades, a historia e relacións do Dereito en Galicia a través de temas monográficos e de entradas independentes que resumen as súas principais manifestacións. A variedade de formas e interpretacións que tivo entre nós o Dereito, nas súas vertentes penal, civil e administrativa, fai que sexa esta unha das facetas máis singulares e interesantes da temática da obra. Así préstaselles especial atención a cantas normas e principios xurídicos quedan afectados polo desenvolvemento do Dereito civil de Galicia, levado a cabo en cumprimento do establecido no artigo 27.4 do Estatuto de autonomía.

Economía
Trátase dunha das máis importantes seccións da obra. As voces reproducidas da edición inicial foron elaboradas por un prestixioso equipo técnico. Infinidade de feitos, ciclos, institucións, circunstancias históricas, etc. quedan reflectidos, á luz das interpretacións económicas, na GEG. O aforro, a emigración, o comercio, a industria, etc. son outros tantos puntos importantes que integran o tratamento desta materia que aparece convenientemente ilustrada con gráficos e fotografías que fan máis doada a comprensión dos seus aspectos esenciais.

Educación
Os problemas da educación foron primordiais na realidade galega. A GEG aborda, de modo xeral, tódolos temas educativos pasados e actuais, dende os vellos métodos pedagóxicos que utilizaban os mestres improvisados polas aldeas ata as máis modernas técnicas de ensino introducidas hoxe. Expóñense tamén tódalas consecuencias administrativas e pedagóxicas sobrevidas a consecuencia do traspaso á comunidade autónoma das competencias que en materia de ensino lle correspondían á Administración central. Quedan recollidas as novidades derivadas da actual oferta universitaria galega, concretada no pleno funcionamento dos sete campus actuais e do amplo abano de titulacións impartidas dende eles, moitas das cales responden ás demandas de especialidades que ata agora non estaban reguladas academicamente.

Emigración
Non se pode falar de Galicia sen falar de emigración. Galicia non é só unha comunidade asentada nun territorio concreto, o delimitado polas catro provincias do noroeste da Península Ibérica, senón que abarca unha inmensa colectividade humana que se estende polo mundo enteiro. Esta realidade ten a súa explicación no fenómeno da emigración, que no caso galego constitúe un feito estructural que marcou a súa demografía, a súa economía e a súa historia. Na actualidade, esa presencia de Galicia no mundo reflíctese en máis de catrocentas sociedades, moitas das cales manteñen unha exemplar actividade asistencial, mutualista e cultural.

Etnografía
Os máis destacados investigadores da cultura galega achegáronlle á primeira edición da GEG unha ampla gama de traballos etnográficos que se reproducen agora, ampliados con outros novos, froito do traballo de diferentes especialistas.

Fauna
A interesante fauna que habita en Galicia recolleuse na súa verdadeira extensión e importancia. O tema é analizado, de modo xeral, na voz correspondente; en voces particulares, aparecen os animais, domésticos e salvaxes, os seus costumes, hábitats e significados. Levouse a cabo un inventario zoolóxico que comprende a ampla fauna galega nas súas manifestacións máis vivas e actuais.

Feiras e mercados
A tradición, pintoresquismo e significados sociais que teñen as nosas feiras e mercados, aínda vixentes en moitísimos casos, reciben xusto tratamento en numerosas entradas nas que se citan lugares, datas e obxectos de transacción, ademais doutros abundantes datos. Esa tradición, moitas veces secular, mantén unha enriquecedora convivencia cos xeitos transaccionais modernos e coas novas citas comerciais do calendario feiral galego, como sucede nos casos de Silleda ou Monterroso.

Filosofía
A obra e as actitudes ideolóxicas dos pensadores galegos das máis diversas ramas encontran xenerosa acollida nas nosas páxinas. O labor dos máis ilustres pensadores (Francisco Sánchez, o padre Feijoo, Amor Ruibal, Viqueira, Nóvoa Santos, Vicente Risco, Rof Carballo, etc.) foi estudiada detalladamente polos mellores especialistas.

Flora
Do mesmo xeito cá fauna, a flora recibe un tratamento extensivo e interpretativo. Recóllese a maior parte das plantas co seu nome galego explicando, cando o caso o require, as particularidades filolóxicas deste. Aspírase, neste sentido, a darlle ó estudio da flora unha dimensión sociolingüística que resultará do máximo interese. Teñen cabida tódolos vexetais que se dan nas nosas terras e o trato que reciben alcanza tamén a súa repercusión social na vida do home galego, a súa participación concreta no medio (utilización medicamentosa, crenzas populares, refráns, propiedades dalgúns vexetais, etc.), e á súa participación na ecoloxía galega.

Folclore
Recóllese na súa verdadeira magnificencia a riqueza folclórica do acervo popular, variado e pluridimensional en expresións, manifestacións e vivencias. Son moitas as voces (alalá, alborada, muiñeira, ruada, cantar de arrieiro,etc.) que redactaron especialistas na materia: os costumes populares, os cantos, os bailes, as romarías, os labores do campo tantas veces orixe de entusiásticas representacións folclóricas; toda a inextinguible riqueza do cantar, bailar e gozar ou sufrir do pobo; a seitura, os maios, o Nadal, o Entroido, as regueifas, etc; un amplo e suxestivo inventario das máis íntimas e creadoras manifestacións populares recollidas nos seus verdadeiros ecos e vivencias. É importante, así mesmo –e así se recoñece nesta obra-, o papel que levan a cabo as agrupacións dedicadas, con preferencia ou exclusividade, á pescuda de testemuños, referencias e documentos tanto das nosas expresións folclóricas coma das súas fontes.

Gandería
Constitúe, xunto coa agricultura, o eixe central do vivir galego. Recibe a atención que merece nos moitísimos temas que aparecen referidos á economía do campo, os seus labores, socioloxía rural, emigración, industrialización, comercio, feiras e mercados, sanidade gandeira, etc. Mapas e gráficos diversos axúdanlles ó lector e á lectora a comprender este importante sector da economía de Galicia.

Gastronomía
O bo comer galego é algo que traspasou amplamente as máis exquisitas fronteiras da gastronomía. Da súa existencia, actual e pasada, deixa constancia a GEG en abundantes entradas que explican os pratos, costumes e caracteres da cociña galega. O lector ou lectora que siga esta obra saberá moi ben de qué maneira deberá facer un bo cocido ou calquera outro prato dos moi bos e variados galegos. Inclúense tamén as principais referencias ós novos restauradores galegos, dignos continuadores da mellor tradición culinaria da noso país.

Heráldica
Os patronímicos, xentilicios, apelidos, brasóns, escudos, etc. son recollidos, estudiados e ilustrados con absoluto rigor. O conxunto de voces que aquí se presenta constitúe unha panorámica global e exacta desta temática en Galicia.

Historia
A historia de Galicia compón un verdadeiro monumento de feitos e épocas transcendentais que teñen fiel reflexo nas detalladas voces que se refiren tanto á prehistoria e historia antiga coma á historia medieval, moderna e contemporánea. Especial atención merecen as entradas que se ocupan dos procesos históricos máis recentes, algúns deles, como a aprobación da Constitución española e do Estatuto de autonomía, determinantes para a configuración do noso presente. Especialistas de cada materia redactaron cada entrada seguindo os coñecementos e métodos históricos máis rigorosos. Unha achega sen dúbida transcendente é a exposición da historia local e particular de cada lugar ou persoa que permitiu, en moitos casos, ofrecer referencias e datos inéditos. O asesoramento de importantes historiadores outórganlle a este traballo categoría indiscutible de seriedade.

Iconografía
Un traballo monográfico e as voces máis significativas completan a visión global que se ofrece da iconografía galega.

Infografía
O ámbito infográfico constitúe un aspecto especialmente coidado nesta edición actualizada da GEG. Máis de dúas mil infografías, todas elas inéditas, ilustran e complementan voces e entradas que na primeira edición da obra carecían deste importante apoio explicativo.

Información e comunicación
Non podería faltar na GEG o tratamento concreto dunha temática de tanto relevo no mundo actual como é a que se refire ós medios de comunicación. Información e comunicación, observados nos seus verdadeiros alcances e relacións, son analizados á luz das formulacións actuais. Algo que representa, sen lugar a dúbidas, unha achega fundamental é a recolleita de tódalas publicacións periódicas que viron a luz en Galicia. Prensa, radio, televisión e tódolos medios son expostos e estudiados na súa verdadeira dimensión e significado. A crecente presencia da lingua galega nos medios de comunicación, tanto escritos coma audiovisuais, e o nacemento das primeiras axencias informativas exclusivamente galegas representan outras tantas novidades que quedan amplamente recollidas nesta obra. Son, así mesmo, varias as entradas que se ocupan da presencia do galego en Internet e as repercusións recíprocas deste fenómeno.

Lingüística
A GEG ofrece unha visión global dos numerosos problemas lingüísticos que se presentaron e que aínda se presentan en Galicia. A cuestión do idioma, os problemas do bilingüismo, a diglosia, a normativización, o reintegracionismo son, entre outros, algúns dos temas tratados por un equipo de verdadeiros especialistas.

Literatura
O estudio da literatura galega acometeuse a través dun gran número de voces temáticas; ofrécense abundantes descricións de libros especialmente significativos, biografías de escritores galegos e un considerable material informativo que axuda a interpretar movementos, escolas e épocas literarias de tódolos tempos.

Medicina
As enfermidades en Galicia e os seus posibles condicionantes foron obxecto dun tratamento minucioso, levado a cabo por un prestixioso equipo de especialistas. As voces e entradas redactadas entón reprodúcense na súa integridade. Concédeselles especial atención ás institucións científicas e sanitarias (hospitais, academias, colexios médicos, etc.), ás múltiples manifestacións da medicina popular e á actitude dos homes e mulleres ante a realidade da enfermidade. Estúdianse tamén, nas correspondentes entradas, tódolos aspectos concernentes ós avances da medicina e á súa incorporación ó sistema sanitario galego, tanto público como privado.

Mitoloxía
Dos mitos ou fábulas de tódalas épocas, dos ritos e cerimonias diversas, de toda a rica amálgama de cosmogonías e crenzas que poboaron o mundo espiritual dos galegos e galegas, ofrécese descrición e análise en voces que fan referencia a meigas, Santa Compaña, defuntos, trasgos e demais elos da mitoloxía popular. O paganismo ancestral existente e a súa evolución a través dos tempos. Todo, nunha ampla panorámica que aproxima o lector ós máis íntimos recantos do sentir de Galicia.

Poboación
As estatísticas demográficas, a súa evolución e significado foron convenientemente actualizadas e referidas ás fontes máis próximas (último padrón) de observación. Cada aldea, parroquia, concello ou cidade aparece co seu correspondente número de habitantes e con outros datos estatísticos de interese. Gráficos de repartición da poboación, avaliación por zonas, índices de crecemento, etc. completan e perfeccionan o panorama da poboación actual de Galicia.

Política
Quedan explicados e expostos os distintos conceptos e doutrinas políticas que se orixinaron ou desenvolveron en Galicia, así como os partidos e forzas políticas organizadas ou reorganizadas trala restauración da Democracia.
Faise referencia tamén a aqueles movementos que inflúen dalgún xeito no desenvolvemento histórico de Galicia e concédeselles especial atención ás institucións e organizacións de carácter social que, sen ser partidistas, desempeñan un papel decisivo na vida política de Galicia: sindicatos, movementos cidadáns e organizacións non gobernamentais, entre outros.

Relixión
Nas páxinas desta obra quedan expostas as variedades e as distintas manifestacións dos fenómenos relixiosos que teñen ou tiveron presencia en Galicia ou na súa cultura. A análise detallada do cristianismo, o protestantismo, o ateísmo ou manifestacións doutra índole como o priscilianismo, o paganismo, o clericalismo ou o anticlericalismo son xulgadas obxectivamente en varios artigos. Inclúese, así mesmo, a historia social da Igrexa en Galicia e os diversos temas relacionados coa liturxia, as advocacións, ritos, santuarios, crenzas, arte, etc.

Socioloxía
Nunha obra de tal envergadura non podían falta-las cuestións que unha ciencia tan incitante coma esta lle formula á sociedade galega dende hai algúns anos. Téñense en conta os máis recentes traballos de destacados e destacadas especialistas na materia.

Toponimia
A GEG inclúe, na súa toponimia oficial, os nomes de tódalas aldeas, parroquias, vilas, cidades e concellos de Galicia, así como os dos diversos accidentes xeográficos (serras, montes, ríos, cabos, praias, lagoas, etc.).

Transportes e comunicacións
As vías de comunicación de Galicia foron un dos primordiais factores de marxinación para o país galego. A presencia antiga dos camiños romanos e a aparición moderna dos medios de transporte rápido (ferrocarril, avión, etc.) e as seculares vías de navegación que partían ou pasaban por Galicia son obxecto de detallado estudio nas voces que se refiren a autoestradas, autovías, estradas, portos, aeroportos, ferrocarrís, navegación, transporte, etc. A súa historia e estado actual aparecen amplamente documentados na exposición.

Turismo
O realce e a repercusión económica da importante faceta social e cultural, así como as excelentes condicións que ofrecen a paisaxe a o clima galegos determinaron o tratamento que na GEG se lles outorga ós elementos turísticos de Galicia. Descríbense lugares, praias, montañas, gastronomía, hostalería, rutas, lugares monumentais, áreas de descanso, coutos e zonas de caza e pesca, deportes, diversións, etc., nunha considerable información que fai das páxinas dedicadas a este tema unha imprescindible e veraz guía turística de Galicia. As novas alternativas e ofertas turísticas e o chamado turismo non estacional (camiñada, montañismo, cicloturismo, termalismo, etc.) teñen tamén ampla presencia nestas páxinas.

Xeografía
A xeografía, tanto física coma humana, ten grande alcance nesta obra. Analízanse as súas verdadeiras dimensións en voces monográficas (xeografía, orografía, relevo, hidrografía, mar, etc.) e recóllese, unha por unha, a totalidade das entidades de poboación e as numerosas serras, montañas, montes, ríos, lagoas, praias e demais accidentes xeográficos que marcan a orografía e relevo de Galicia. Mapas, gráficos e un gran número de fotografías facilitan a visión, comprensión e gozo dunha paisaxe sen igual.

Xeoloxía
O estudio do terreo galego non podía faltar nas páxinas da GEG. Para esto contouse cos e coas mellores especialistas para incluí-la totalidade dos temas e formulacións xeolóxicas de Galicia. Un por un, estes aparecen reflectidos e analizados.

 
Características | Plano Xeral da Obra | Ficha Técnica | Consellos Histórico e Actual | ¿Como adquirila?
Xacobeo 2004 Fundación Caixa Galicia El Progreso Diario de Pontevedra